A comisión de seguimento da Plisan autoriza contratos por preto de 4 M€ para avanzar nos proxectos da EDAR e de urbanización de solo

1 de 2
2 de 2

Autoriza ao IGVS a contratar as obras de adaptación da EDAR, por un importe de 738.000 euros para mellorar as súas prestacións

Tamén aproba a licitación do contrato para a redacción conxunta do PEOSE da zona MI e do proxecto de urbanización desa área

Vigo, 31 de outubro de 2023

A Comisión de Seguimento da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves (Plisan), da que forman parte a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, vén de autorizar contratos para avanzar nos proxectos da EDAR e de urbanización do espazo por un importe global de preto de 4 millóns de euros.

Na reunión celebrada hoxe, na que participou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o órgano reitor autorizou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a contratar as obras de adaptación  da estación depuradora de augas residuais da Plisan, por un importe de 738.000 euros, co obxectivo de mellorar os servizos que presta a mesma.

Por outra banda, o IGVS tamén recibe autorización para licitar o contrato para a redacción conxunta do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) da zona MI da Plisan e do proxecto de urbanización desa zona, cun orzamento inicial estimado de 260.000 euros. Cómpre lembrar que a través do plan estruturante, figura implementada coa Lei de áreas empresariais de Galicia, se permite unha maior axilización e simplificación administrativa.

Con esta ampliación dun millón de metros cadrados, para a que tamén se autoriza a licitación do estudo arqueolóxico, a Plisan pasará a contar con 4 millóns de metros cadrados de superficie total.

Así mesmo, tamén se autorizou a execución dunha obra de soterramento da liña eléctrica de alta tensión por importe de 2,8 millóns de euros.

Imaxes relacionadas