A Xunta consultiva de urbanismo emitiu 105 informes que axudaron a aplicar a normativa sectorial e resolver dúbidas interpretativas

1 de 2
2 de 2

Encarnación Rivas subliña que o asesoramento prestado é un paso máis no compromiso do Goberno galego para avanzar cara a un urbanismo responsable

O ritmo de emisión de informes durante o seu primeiro ano de funcionamento permite constatar un crecente interese pola función de asesoramento e tutela deste órgano consultivo

91 dos informes emitidos responderon a consultas de máis de 50 concellos sobre diversas cuestións de incidencia territorial ou urbanística

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

A Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu desde a súa posta en funcionamento un total de 105 informes que serviron para axilizar e facilitar aos concellos a aplicación práctica da normativa sectorial en vigor e axudaron a profesionais e outros colectivos do sector a resolver certas dúbidas interpretativas relacionadas coa materia, reforzando así a seguridade xurídica nun eido tan complexo e sensible como o urbanístico.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, explicou hoxe, durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria, que desde a súa constitución en xullo do ano 2022, a Xunta Consultiva emitiu 105 informes, na súa maior parte elaborados a petición de entidades municipais, pero tamén algún a instancias de colexios profesionais, empresas e outros departamentos autonómicos.

Máis polo miúdo, Encarnación Rivas subliñou que, ademais de 3 instrucións elaboradas coa colaboración de organismos públicos -Amtega e Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais- e entidades profesionais relacionadas coa materia - Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de Galicia e Colexio Notarial de Galicia-, o balance da actividade da Xunta Consultiva inclúe os 4 ditames preceptivos emitidos sobre os plans básicos de Riotorto, Trabada, Ribeira de Piquín e O Páramo. E, a maiores, tamén emitiu ditame sobre o proxecto da terminal de autobuses integrada na área intermodal de Lugo.

Crecente interese pola función de asesoramento

O ritmo de emisión de informes durante o primeiro ano de funcionamento deste órgano consultivo permite constatar un crecente interese pola súa función de asesoramento e tutela por parte dos distintos operadores técnicos e xurídicos que interveñen en Galicia neste eido e, en especial, dos concellos.

De feito, a maior parte das solicitudes foron presentadas por entidades locais. Segundo dixo Encarnación Rivas, 91 dos informes emitidos responderon a consultas municipais de máis de 50 concellos sobre diversas cuestións de incidencia territorial ou urbanística.

Nesa liña, cómpre lembrar que todos os ditames emitidos serven para resolver dúbidas concretas que se lle trasladan á Xunta Consultiva e, ao mesmo tempo, coordinar as respostas de xeito que a resolución dunha mesma cuestión sexa sempre a mesma.

Con este mesmo fin, a directora xeral lembrou que toda a documentación está dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facilitar o seu acceso a calquera cidadán así como aos distintos axentes que queiran coñecer a postura ou a interpretación deste órgano sobre cuestións de relevancia en materia urbanística e que poidan xerar certas dúbidas.

No que atinxe ao contido dos ditames, a directora xeral salientou que, ante as dúbidas trasladadas por concellos e promotores, deste balance anual destaca o informe que acredita que a instalación de paneis solares ou fotovoltaicos para autoconsumo pode facerse, por norma xeral, sen redactar proxecto de obra nin tramitar licenza. Outro dos temas sobre os que se pronunciou a Xunta Consultiva é a substitución da licenza de primeira ocupación de vivendas por unha simple comunicación previa, ratificando que 15 días despois da súa presentación xa se pode vivir no inmoble.

Para concluír, Encarnación Rivas subliñou o compromiso do Goberno galego para avanzar cara a un urbanismo responsable, ordenado e sostible. Nesa liña, o vindeiro ano a Xunta destinará preto de 4M€ para continuar colaborando cos concellos na redacción dos seus instrumentos de ordenación urbanística.

Imaxes relacionadas