Ángeles Vázquez e o alcalde de Ordes estudan vías de colaboración para humanizar o campo da feira de Mesón do Vento

1 de 1

O proxecto municipal inclúe a mellora dos itinerarios peonís da contorna e a construción dun parque biosaudable co que promover a práctica de deporte por parte da veciñanza e hábitos de vida máis saudables

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, mantiveron recentemente un encontro no que abordaron distintas posibilidades para realizar obras de humanización na contorna do campo da feira de Mesón do Vento coas que mellorar tamén os itinerarios peonís da zona.

A representante da Xunta e o rexedor coruñés avaliaron o establecemento dunha posible colaboración entre as dúas administracións coa finalidade de executar distintas actuacións na parroquia de Ardemil para mellorar a imaxe e os servizos aos veciños nas proximidades do campo da feira. De feito, a proposta do concello inclúe a construción dun parque biosaudable co que favorecer que os veciños da localidade poidan practicar deporte ao aire libre e ter hábitos de vida máis saudables.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de que este proxecto encaixe nos obxectivos do chamado plan Hurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2010 e que, precisamente, ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar actuacións deste tipo que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% das actuacións e o concello o 30% restante.

Este plan, que en 2024 contará cun orzamento de máis 8 millóns de euros, pretende apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde 2010 este programa de apoios mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.  

As partes tamén analizaron outras cuestións relacionadas co urbanismo e a política de vivenda co obxectivo de optimizar o aproveitamento dos recursos dispoñibles para distintas materias como a rehabilitación e recuperación de vivendas ou actuacións nos espazos públicos como a mellora dos elementos de sinalización. Nesta liña, a Xunta e o Concello de Ordes volverán a reunirse proximamente para avanzar na definición destas actuacións.   

Imaxes relacionadas