Ángeles Vázquez e o alcalde de Avión avalían o proxecto para a humanización da praza do concello

1 de 1

Tamén analizaron a posibilidade de incluír o Sesume do río Avia na rede de espazos naturais de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Avión, Antonio Montero, avaliaron o proxecto municipal para levar a cabo a humanización da praza do Concello.

Durante unha reunión que mantiveron, recentemente, o rexedor trasladoulle á vicepresidenta segunda a iniciativa que ten por obxectivo mellorar a accesibilidade da contorna e dotar á veciñanza dun espazo de lecer.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez informou ao alcalde da posibilidade de que este proxecto encaixe nos obxectivos do chamado plan Hurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2010, que precisamente ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar este tipo de actuacións que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da actuación e o concello asumiría o 30% restante.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda subliñou que desde a posta en marcha desta iniciativa lévanse mobilizados máis de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos. E engadiu que o Goberno galego destinará o vindeiro ano máis de 8 millóns de euros a continuar co desenvolvemento do Plan Hurbe.

A maiores, no encontro, Ángeles Vázquez e Antonio Montero tamén analizaron a posibilidade de incluír o Sesume do río Avia na rede de espazos naturais de Galicia. Cómpre lembrar que está considerado o maior río subterráneo de Europa en formacións graníticas.

Imaxes relacionadas