A Xunta e o Concello de Cualedro abordan o proxecto municipal de humanización e mellora dos servizos públicos na rúa Maior da Xironda

1 de 1

Ambas administracións analizaron tamén o estado de tramitación do proxecto de creación dun punto limpo que promove a agrupación de municipios conformada por Monterrei, Trasmiras e Cualedro

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, mantiveron recentemente unha xuntanza na que estudaron o proxecto municipal de humanización e mellora dos servizos públicos de subministración na rúa Maior da Xironda.

A representante da Xunta e o rexedor ourensán avaliaron a colaboración entre as dúas administracións coa finalidade de executar distintas actuacións que teñen encaixe no chamado plan Hurbe. No marco deste programa, impulsado polo Goberno galego no ano 2010, as administracións locais contan con apoios para financiar obras que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía, sufragando a Administración galega o 70 % do investimento e o concello o 30 % restante.

O proxecto municipal de humanización e mellora da rúa Maior da Xironda establece un orzamento de preto de 200.000 euros e a intención é executar os traballos entre os exercicios 2024 e 2025 para mellorar os servizos e condicións de vida da veciñanza.

Para a execución de obras coma esta, o plan Hurbe conta en 2024 cun orzamento de máis 8 millóns de euros co que apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde a súa posta en marcha, este programa mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.  

As partes tamén analizaron outras cuestións como o estado do proxecto para a construción dun punto limpo que promove a agrupación dos concellos de Monterrei, Trasmiras e Cualedro. Esta actuación, que está en tramitación, conta cun apoio da Xunta de preto de 300.000 euros.    

A maiores, a vicepresidenta segunda e o alcalde de Cualedro abordaron asuntos en materia de vivenda como a actuación que está en marcha para a rehabilitación dun inmoble con dúas vivendas no municipio ao que o Executivo galego concedeu unha axuda de 100.000 euros. Este tipo de medidas pretenden mellorar o mercado da vivenda e a facilitar o acceso a ela da cidadanía.

Imaxes relacionadas