A Xunta e o concello das Neves estudan colaborar para o impulso do parque público residencial municipal

1 de 1

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, para analizar vías de colaboración en materia de vivenda. 

Durante o encontro, logo de que o rexedor lle trasladara a necesidade de ampliar o parque de vivendas protexidas da localidade, a vicepresidenta segunda explicoulle que, ao ter menos de 20.000 habitantes, podería optar a unha nova convocatoria das axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal. Nese caso, as axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que, en ningún caso, poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada. 

Tamén, existe a posibilidade de que, no suposto de dispor ou adquirir algún inmoble susceptible de destinarse a uso residencial, podería obter financiamento ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio á financiación de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

E, a maiores, tamén podería optar ao programa de construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes.

Imaxes relacionadas