A Xunta consultiva de urbanismo aclara que a Lei do solo de Galicia prevalece sobre as determinacións dos plans de ordenación municipal en solo rústico

1 de 2
2 de 2

Este órgano consultivo ten como obxectivo o asesoramento de forma áxil e eficaz tanto ás administracións como aos axentes económicos e sociais implicados na ordenación do territorio e o urbanismo

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo aclarou hoxe que a Lei do solo de Galicia prevalece sobre as determinacións dos plans urbanísticos en solo rústico.

Segundo explicou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o réxime previsto para o solo rústico é o establecido na Lei do Solo de Galicia, sen que poidan aplicarse limitacións maiores que poidan estar previstas nos instrumentos de planeamento urbanístico.

Nesa liña, na reunión da Xunta Consultiva celebrada hoxe, analizouse unha consulta sobre os muros de peche en solo rústico, cuxa distancia con respecto á vía pública podería variar en función das condicións urbanísticas municipais.

Este órgano consultivo determinou que as construcións e cerramentos que se constrúan con obras de fábrica, vexetación ornamental ou outros elementos permanentes en zonas non consolidadas pola edificación deberán desprazarse 4 metros do eixe da vía á que dean fronte, sen que resulten aplicables as distancias superiores establecidas polos instrumentos de ordenación urbanística.

A maiores, na reunión de hoxe a Xunta Consultiva emitiu informe favorable á posibilidade de implantar un uso comercial nun ámbito de solo urbanizable non delimitado no concello do Barco de Valdeorras logo da consulta remitida por parte da Confederación de Empresarios da Coruña.

Asesoramento áxil e eficaz

A Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo ten o obxectivo de asesorar de forma áxil e eficaz tanto ás administracións como aos axentes económicos e sociais implicados na ordenación do territorio e o urbanismo.

Entre as súas funcións cómpre destacar a de emitir informes preceptivos sobre proxectos normativos relacionados con esta materia, aclarar e axudar a interpretar a normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo a aquelas entidades públicas e privadas que no exercicio da súa actividade deben tramitar expedientes urbanísticos ou obter permisos e licenzas, e promover instrucións interpretativas que faciliten a aplicación práctica da normativa.

Nesa liña, todos os ditames emitidos serven para resolver dúbidas concretas que se lle trasladan á Xunta Consultiva e, ao mesmo tempo, coordinar as respostas de xeito que a resolución dunha mesma cuestión sexa sempre a mesma.

Con este mesmo fin, toda a documentación está dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facilitar o seu acceso a calquera cidadán así como aos distintos axentes que queiran coñecer a postura ou a interpretación deste órgano sobre cuestións de relevancia en materia urbanística e que poidan xerar certas dúbidas.

Imaxes relacionadas