A Xunta pon en valor o papel dos profesionais do urbanismo e da arquitectura para avanzar cara a unha ordenación sostible do territorio

1 de 1

Encarnación Rivas lembra que na actualidade 121 concellos xa contan con planeamentos urbanísticos, que benefician ao 40 % da poboación da Comunidade

O director da APLU fai fincapé na importancia da formación dos profesionais relacionados con este eido para preservar o territorio e a paisaxe

A directora da EGAP lembra que este tipo de actividades constitúen un foro de debate enriquecedor ao ofrecer a oportunidade de abordar todas as disciplinas e materias que conforman o urbanismo responsable

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia pon en valor o papel dos profesionais do urbanismo e da arquitectura para avanzar cara a unha ordenación sostible do territorio.

Durante o acto de apertura do Curso de técnico superior de urbanismo 2024-2025, organizado pola Xunta, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)—a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, salientou a importancia deste tipo de actividades para reforzar a formación destes colectivos. “Permitiralles acadar uns coñecementos indispensables para dominar as ferramentas técnicas, xurídicas, económicas, ambientais e sociais fundamentais para proxectar o noso territorio de xeito responsable”, subliñou.

Nesa liña, a directora xeral incidiu en que o Goberno galego leva anos traballando a prol do desenvolvemento dun urbanismo responsable. De feito, segundo lembrou Encarnación Rivas, na actualidade 121 concellos xa contan con planeamentos urbanísticos -117 plans xerais de ordenación municipal e 4 plans básicos municipais- adaptados á normativa vixente, que benefician ao 40 % da poboación da Comunidade.

Pola súa banda, o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, fixo fincapé na importancia da formación dos profesionais relacionados con este eido para preservar o territorio e a paisaxe e, ao mesmo tempo, evitar ilícitos.

A maiores, Hortas salientou o esforzo normativo levado a cabo pola Xunta coa aprobación da Lei do solo e o seu regulamento, a Lei de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral ou as Directrices da paisaxe, así como coa posta en marcha da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Para concluír, a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, lembrou a importancia deste tipo de actividades para reforzar a formación destes colectivos, xa que constitúen un foro de debate “enriquecedor” e lles ofrecen a oportunidade de abordar todas as disciplinas e materias que conforman o urbanismo responsable, unha práctica da que, dixo, “Galicia é hoxe todo un exemplo”.

O Curso superior de técnico de urbanismo, con 350 horas de duración entre febreiro de 2024 e xuño de 2025, ten como finalidade que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e as habilidades que os capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo.

Nesta actividade formativa, que conta coa participación de 40 inscritos, partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo.

Imaxes relacionadas