A Xunta convoca ao concello de Vigo a unha reunión técnica para axilizar a aprobación definitiva do PXOM

A xuntanza, proposta para este venres, en Santiago, ten como fin avanzar na resolución das eivas e cuestións detectadas durante a revisión do documento para poder emitir o antes posible o informe autonómico preceptivo para a súa aprobación definitiva

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia convocou mañá, venres, ao Concello de Vigo a unha reunión de carácter técnico sobre o novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM) co obxectivo de abordar todas as cuestións a corrixir detectadas no documento remitido polo Goberno local a finais do mes de xaneiro e axilizar, deste xeito, a súa aprobación definitiva.

Na carta, remitida pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, á concelleira de Urbanismo e Vivenda do Goberno local, María José Caride, sinálase a conveniencia de manter esta xuntanza “para poder aprobar o PXOM de Vigo con todas as garantías e coa máxima prioridade”, polo que cita á responsable local para mañá, en Santiago.

Cómpre lembrar que no requirimento enviado pola Xunta ao Concello vigués este luns, Rivas xa se puña á disposición do Goberno local así como do equipo redactor do plan xeral para tentar resolver “á maior brevidade posible” todas aquelas eivas e cuestións a corrixir que detectou o seu departamento na documentación remitida a finais de xaneiro polo Concello de Vigo, unha vez aprobado provisionalmente o PXOM.

Neste sentido e tendo en conta que moitas das correccións técnicas solicitadas pola Xunta gardan relación con elementos arqueolóxicos e culturais que xa foran indicados no informe correspondente emitido na fase previa, á reunión asistirá tamén a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez. Unha vez corrixida e completada a documentación por parte do Concello, o Goberno galego estará en disposición de emitir o seu informe preceptivo previo á aprobación definitiva do PXOM.

A xuntanza proposta enmárcase nas relacións de cooperación, coordinación, asistencia e información que mantén a Xunta coas entidades locais galegas para colaborar na elaboración dos seus respectivos instrumentos urbanísticos e tratar de resolver as posibles diferencias ou atrancos que poidan xurdir ao longo da súa tramitación.