Ángeles Vázquez salienta que estas achegas, que contan cunha elevada demanda, permitirán estender o fermosismo a máis localidades e vilas de Galicia
A conselleira subliña que a tramitación dos mesmos apoios destinados a particulares está na fase final e que se resolverá proximamente
O Concello de Dozón beneficiarase este ano de dúas axudas que suman máis de 36.000 euros para a mellora dun local social e dun lavadoiro, unhas actuacións semellantes a outras que realizou en 2023 tamén co apoio do Executivo galego
Dozón (Pontevedra), 24 de maio de 2025
A Xunta de Galicia aprobou este ano a concesión de 55 axudas a concellos para o desenvolvemento de 67 actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en edificios de titularidade municipal ou equipamentos -como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música ou hórreos- por importe dun millón de euros, o total orzamentado na convocatoria.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe Dozón onde explicou que a partida habilitada para estas achegas -que adoitan ter moita demanda tanto entre os concellos como entre particulares- se esgotou rapidamente tras abrirse o prazo de presentación de solicitudes e que as actuacións que se levarán a cabo permitirán estender o fermosismo a moitas máis localidades e vilas de Galicia. En canto ás axudas dirixidas a particulares, a súa tramitación está na fase final, polo que nos vindeiros días se procederá a resolver a convocatoria.
A responsable autonómica incidiu en que estes apoios permitirán renovar as fachadas e cubertas distintas edificacións públicas, os cerramentos desas instalacións así como arranxo de elementos que forman parte do patrimonio municipal como lavadoiros ou fontes. De feito, entre as actuacións previstas están 24 para a mellora das cubertas ou fachadas de distintos inmobles, 11 para o acondicionamento de fontes, 15 para lavadoiros, dúas de palcos, outras dúas de renovación de muros e 13 de recuperación doutros elementos de interese municipal.
Deste xeito a Xunta segue a promover a corrección de impactos paisaxísticos no patrimonio de titularidade municipal. Neste sentido, Ángeles Vázquez puxo en valor o exemplo de Dozón, que en 2023 recibiu axudas por valor de máis de 36.000 euros para a renovación da cuberta do local sociocultural municipal e para a renovación do lavadoiro de Bidueiros (preto de 19.000 euros) e este fóronlle aprobadas achegas por importe de preto doutros 36.000 euros para renovar o exterior do local sociocultural de Saa e para a rehabilitación do lavadoiro do Mosteiro.
Por provincias, a de Ourense é a que conta con máis concellos beneficiados, 25, con axudas por importe global de preto de 410.000 euros, seguida da Coruña, con 13 municipios beneficiarios por importe de máis de 270.000 euros, da de Lugo, con 11 e máis de 203.000 euros, e de Pontevedra, con seis concellos e preto de 117.000 euros.
As achegas destinadas aos municipios para a corrección de impactos paisaxísticos pretenden mellorar o estado de edificios de titularidade municipal e equipamentos en congruencia cos valores recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e cos obxectivos e valores que aparecen nas Directrices da paisaxe de Galicia.
Estes apoios materialízanse a través de dúas liñas: a primeira para edificios ou dependencias de prestación de servizos municipais -para a renovación de fachadas, cubertas ou muros de cerramento de predios- e a segunda para equipamentos -como lavadoiros, fontes, palcos da música ou hórreos que polo seus deficiente estado de conservación ou pola súa propia configuración se asocian co feísmo e producen unha distorsión da paisaxe na contorna natural ou urbana onde se sitúan- e outras construcións ou instalacións municipais destinadas a outros equipamentos de servizos públicos como o revestimento exterior de muros de cerramento de terreos.
As axudas fináncianse integramente con fondo propio da Xunta sendo a achega en cada solicitude dun máximo do 70% do investimento subvencionable, co límite de 40.000 euros por concello (un máximo de 20.000 euros na liña 1 de edificios e cubertas e o mesmo na liña 2 de equipamentos. Á hora de realizar as actuacións deben aplicarse os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais, ademais de axustarse ás condicións que veñen impostas pola normativa municipal e sectorial.