Ángeles Vázquez reitera que o Goberno galego segue a traballar cos concellos para impulsar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico acorde coas súas necesidades e co marco normativo vixente
Esta nova ferramenta urbanística marcará a evolución deste municipio nos próximos 16 anos e beneficiará aos máis de 12.600 habitantes que se distribúen nas 13 parroquias que conforman este municipio coruñés
Ordes (A Coruña), 13 de decembro de 2023
A Xunta de Galicia avanza na súa aposta por un urbanismo responsable coa aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Ordes, tal e como salientou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante o acto de sinatura da orde de aprobación definitiva xunto co alcalde da localidade, José Luis Martínez Sanjurjo, a vicepresidenta segunda explicou que esta nova ferramenta urbanística marcará a evolución deste municipio nos próximos 16 anos e beneficiará aos máis de 12.600 habitantes que se distribúen nas 13 parroquias que conforman este municipio coruñés.
Nesa liña, o estudo da superficie do concello determinou que o 92,25 % do territorio é solo rústico; o 5,98 % correspóndese con núcleos rurais; o 1,15 % é solo urbano, e o 0,62 %, urbanizable.
Segundo dixo a vicepresidenta segunda, este novo PXOM ten como obxectivos principais a reestruturación do tecido urbano para acadar o equilibrio urbanístico; a potenciación da localidade como un centro comercial e de servizos da comarca; a ordenación das industrias existentes e a previsión de ampliar o parque empresarial de Merelle ou a dotación dunha bolsa de solo industrial en Pardiñas, así como a mellora da rede viaria.
A maiores, ao considerar o medio rural deste concello como parte fundamental do mesmo, búscase fortalecer os núcleos e parroquias, recuperar o patrimonio cultural e garantir a preservación e conservación da riqueza ambiental do municipio potenciando as áreas con alto valor ecolóxico e as súas paisaxes.
Ademais, este PXOM prevé unha reserva de máis de 330.000 m2 para espazos libres e zonas verdes e preto de 195.000 m2 destinaríanse a equipamentos comunitarios para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Para concluír, Ángeles Vázquez reiterou que a Xunta seguirá a traballar cos concellos para impulsar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico á altura das súas necesidades e acorde co marco normativo vixente.
De feito, o Concello de Ordes recibiu axudas por un importe de máis de 300.000 euros para levar a cabo este procedemento e, nesa liña, no proxecto de orzamentos do vindeiro ano, o Goberno galego reserva unha partida de 4 millóns de euros para apoiar ás administracións locais no desenvolvemento de plans xerais de ordenación municipal e de plans básicos municipais.